01 April, 2008

Cinco minutos para ti

Os suecos tomaron hoxe unha pausa de cinco minutos de tranquilidade e descanso (Foto: DN)

Había tempo que non paseaba polas pensións de mamá Pavor. Si, amigos, hoxe regresei ao dentista. Por suposto non se debía a unha limpeza e/ou coidado oral que tanto recomendan 9 de cada 10 dentistas (o que queda ten que ser un puto cachondo...), eso déixollo aos masocas, senón por dor, pura e simplemente. Éme inconcebible que alguén poida espertarse un día con tamaño amor de dentes que as encías tiren bucólicas cara unha clínica de piños. Hainos, que nesta vida ten que haber de todo, pero dende logo non é o meu caso.
Alí estaba eu, sentado na sala de espera, con ese silencio de tanatorio onde todos nos dicimos coa mirada: "non somos ninguén", "pena de dentífrico cando era cativo", "como unha cousa tan pequena pode facer tantísimo dano, Señor"... Nese momento, a vida pasa coma unha peli. Ves unha luz ao final. Sae dunha habitación. É a lámpada que vixila dende arriba ese sillón de segunda man recén chegado de Guantánamo onde te sentarás con postura fetal nuns segundos pero que unha vez alí serán séculos.
Mentras agardaba, digo, pensei que o peor que lle pode pasar a un cagado coma min sería chegar á clínica e que, ao entrar, catro fulanos con bata branca se animansen cun "coño, por fin un cliente".
Pero cando todo esto sucedía, en Estocolmo, esa marabillosa cidade galega do Norte, alguén (autodenomínanse "Colectivo Antiestrés") decidiu convocar ás xentes a cinco minutos de "tranquilidade e descanso". Anna Engström e Henrik Norström, como vedes na imaxe, os respectaron na Grande Estación Central sueca. Benditos sexades.

1suecos máis

Blogger ana said...

Estes galegos do norte sempre por diante!!! e mira que son discretos

11:09 PM  

Post a Comment

<< Home