27 June, 2007

Martiño: en Suecia teríalo máis fácil

Levaba tempo sen darlle á tecla internáutica. Non creades que non é por gañas, senón por ese medo a disiparme dos meus obxectivos blogueiros (xa sabedes, o sueco é unha variante dialectal do galego...). Pero como levo escoitado tanto o tema ese de que o Martiño Rivas decidiu facerse Martín por obra e gracia das teleseries decido atizarlle á liña.
Imos ver. Cada quen é libre de chamarse como queira. Xan das Bolas, por exemplo, non debeu pasalo tan mal nos títulos de crédito cando ninguén o obrigou a pasarse por Juan ou John. Sen embargo, dicir Martiño seica custa moito pronuncialo. "La caña de España bañada con saña mientras aliño ñoquis". Hai ese eñe! Co ben que queda como reclamo no logo do Instituto Cervantes. Máis eso de Martiño. "Hola, galleguiño". Eso si, eso é doado, claro. Pero Martiño...
E pensar que un sueco que se chame Martin pode vivir na felicidade porque nunca recibirá ordes para mudar o seu nome... Tamén é certo que ningún sueco se deixaría convencer para variar o seu nome. Quero dicir que se un sueco nace Martin será Martin en Suecia, en Corea e mesmo en Madrid. Sonvos así. Xente rara estes suecos... Pero Galicia?
Mágoa que o presentador do telediario saiba pronunciar fantásticamente Joan ou Aitziber pero que non logre arraincar cun Lacseiro.
Mágoa que Martiño co ben que soa (mar-ti-ño) non soe ben na tele.
Mágoa que a miña filla, Xiana, teña que pensar en chamarse Jiana para ser decente.
Mágoa que Jiana decida facelo.
Mágoa que haxa que ser sueco para dicir Martiño.

Mágoa, unha vez máis, que un galego dea a nota.