29 May, 2007

Os suecos, uns ilexítimos

Recoñezo que ando algo sorprendido por todas esas historias sobre a lexitimidade, coma se cada un de nós tivese que probar o ADN ante unha mesa electoral. Nas eleccións, todo se basea na lexitimidade. O cal, vale, é lexítimo. Os pactos, se goberna a lista menos votada, disque son ilexítimos. Aí chega a demagoxia. Da mesma forma que é lexítimo que goberne a lista máis votada que non acada a maioría absoluta, tamén o é, creo, que gobernen os partidos que representan á maioría dos electores. É dicir, que se o 80 por cento optou por 4 grupos políticos e non por 1, por que raios en democracia non poden chegar a un acordo estable de goberno?

É raro que a experiencia de Suecia, a provincia galega do norte, non saise no debate. O rollete intelectual pasa moitas veces por aludir á tradición democrática nórdica. Pois fálovos desa:

En Suecia, ata o ano pasado, gobernaba dende había dez con certa tranquilidade (con pactos eso si) o socialdemócrata Göran Persson. E resulta, que nas últimas eleccións, o seu partido volveu lograr o maior número de escanos no Parlamento, cunha diferencia abismal de 33 asentos sobre a segunda lista, a dos moderados conservadores. Pois mirade por onde que Persson non goberna. Por que? Pois porque o bloque das dereitas acadaron un acordo entre os moderados, os centristas, os liberais e os cristianodemócratas. E por eso, goberna Reinfeldt. E alguén protesta? Pois non. Todo o mundo considérao coma algo absolutamente lexítimo. E a Persson non lle quedou outra que marchar.

Socialdemokraterna (socialdemócratas), 130 deputados
Moderata samlingspartiet (moderados), 97
Centerpartiet (centristas), 29
Folkpartiet liberalerna (liberais), 28
Kristdemokraterna (cristianodemócratas), 24

Vänsterpartiet (esquerda), 22
Miljöpartiet de gröna (verdes), 19

Lexitimidade? A lexitimidade vén dada pola legalidade. Aquí, na Galicia do sur, temos a puta manía de andar dándolle voltas á legalidade para facela ilexítima ao gusto do consumidor. O día que nos demos conta de que a democracia non é o plato de último menú do día, teremos dado un bó paso adiante. Mentras, unha ronda de lexitimidade para todos. Que ademáis é legal.

15 May, 2007

Literatura galega, en Gävle

A biblio de Gävle



Por suposto, aqueles galegos que habiten na provincia colonizada do norte poden descubrir a literatura galega grazas aos libros que foran doados o ano pasado pola Consellería e o Concello de Carnota, entre outros, ademáis de libros que regalei eu mesmo (así de culturetas son). Así que nada, a por eles.

Ah, e non está mal, xa que andamos en días de Letras, lembrar esas xornadas gloriosas da Semana das Letras que celebrou Gävle o ano pasado por estas mesas datas. Pichade aquí e aquí.

12 May, 2007

Heja Sverige!!

Forza The Ark! Os representantes da provincia galega do Norte, hoxe en Eurovisión.
Mágoa que non utilicen o dialecto sueco do galego e tiren polo inglés. Cousas da diglosia...

04 May, 2007

Un marido para Victoria

Mikael Persbrandt e Hugh Grant


Anda Suecia revolta porque a princesa herdeira cumpre 30 anos a aínda non está casada. E diredes vós, onde está o problema, tendo en conta que a que está como un trolebús é a irmá, Madeleine? Pois eu tampouco sei, a verdade. O caso é que hai un programa na TV7 sueca, que depende do xornal sensacionalista Aftonbladet, que está á busca dun home para Victoria.”En man åt Victoria”, titúlase.

Entre os candidatos que votan os espectadores, destacan Hugh Grant e Mikael Persbrandt, un excelente actor da Galicia do norte, coñecido por darlle ao drinking duramente.

Propóñovos que vos sumedes á busca de marido. Que galego das catro provincias do sur posúe todos os condicionantes para ser o futuro rei de Suecia? Non importa se están casados ou non, o necesario agora é asegurar a unión imperial coa provincia galega do norte. Aí van tres nomes:

a) Roberto Vilar (Os Tonechos)
b) Carlos Marcos (Partido Galeguista)
c) Suso de Toro (Suso de Toro)

A decisión, na vosa man.