30 June, 2006

Turcos malos

Que alguén me axude, que eu, debe de ser que vou maior, ando perdido. Alguén sabe que carallo nos fixo Turquía aos galegos?! Non, non toleei...
Ollo ao post que veño de atopar nunha páxina dunha asociación de estudiantes finlandesa (o sueco é idioma oficial en todo o país). A tropa discute nun foro sobre se Turquía debe formar parte da Unión Europea. No medio da charla, un dos participantes solta tamaño argumento:

Versión en galego de Suecia: "Massförstörelse av världens finaste stad med monument, kyrkor mm.. eller massmorden av armenier, greker, kurder, galicier, assyrier..listan är oändlig!"

Traduccción ao galego normativo: "Total destrucción da cidade máis bonita do mundo con monumentos, igrexas, etc... ou masacre de armenios, gregos, kurdos, galegos, asirios... a lista é interminable!"

Pois será interminable, será... Aúpa Galatasaray!!! (non vaia ser...)


29 June, 2006

"Galicia: paraíso intacto"


O xornal Sydsvenskan, o máis importante do sur de Suecia (Malmö e bisbarra), publica unha extraordinaria reportaxe sobre Galicia, sen facer mención, iso si, ao aspecto centralista que posúe sobre as colonias do norte. Disimulemos... A xornalista Carin Höglund reproduce con gran lucidez as formas da realidade galega, lonxe dos tópicos chorras que tentan a calqueira publicación que pretenda ofrecer as distintas posibilidades para os futuros viaxeiros. Fala do traballo dun pobo por fuxir da pantasma do Prestige e da forza da xente, que é a que de verdade paga a pena (esto dígoo eu). Tamén da praia de San Xurxo (sic), dos eucaliptos de Doniños, e do parecido que teñen os galegos cos europeos do norte (reafirmando as miñas teorías):

"Dise que os galegos son difíciles de entender. Cabezóns, silenciosos, ocultos e orgullosos (...) Cun temperamento semellante aos europeos nórdicos. E esto fai que un de cada dous galegos séntase máis emparentado cun irlandés que cun español do sur".

A percebeira Lucinda Rellán Souto, retratada no Sydsvenskan

Fala de Manuela Rodríguez, que vive en Nova Jersey e lle berra aos fillos en inglés para que se preparen, que van visitar as tumbas dos avós, en Carnota. "Estas son as miñas orixes. Quero que eles amen o que eu amo". Sanxenxo, a empanada, a gaita, o vento... "Galicia: paraíso intacto", como titula a reportaxe.
Estes son algúns dos puntos que debe coñecer un viaxeiro sueco, segundo o xornal:

  • "Galicia é unha autonomía gobernada polos socialdemócratas e as esquerdas".
  • "A costa repártese entre os fiordos do norte e os do sur: Rías Altas e Rías Baixas".
  • "Fálase español (castelán) e galego. O galego foi prohibido por Franco pero agora vive con forza".
  • "Considérase que Galicia está incluída no entorno ´celta´, xunto con Irlanda, Escocia e Bretaña. A gaita caracteriza a súa música tradicional".
  • "No ano 2002, Galicia estivo afectada por unha catástrofe medioambiental, cando o buque Prestige soltou unha chea de petróleo sobre as praias. O movemento Nunca Máis, creado por voluntarios de toda Europa, axudou a limpa-la costa. O accidente foi un duro golpe para a economía pesqueira".
  • "Cómense mariscos e polbo. O polbo á feira elabórase só con aceite e especias. Tamén son típicos os callos (...) e a empanada, que é un pastel (pai) cheo de peixe, carne ou verduras".
  • "A bebida nacional é a boa Estrella Galicia. O Ribeiro é típico dos fiordos no norte e o Alabarino dos do sur".
  • "Débese levar paraugas. Pero grazas á choiva Galicia é verde e frondosa. De tódolos xeitos, no verán vai sol frecuentemente e xullo é verdadeiramente caluroso".
En resumo, que os suecos admiten que Galicia limita ao norte con Suecia mar por medio. E esto debería ser recollido no Estatuto. Xa.

Grazas!!!!!

Hahahaha, mil grazas a todos por esta espectacular irrupción dun blogg en galego no blogomillo sueco!!! Na parte de abaixo á dereita da presentación podedes seguir o posto actual no ranking.

Statistik / Estatística
Unika besök senaste veckan / Visitas únicas na última semana XXX
Placering / posto, alla / todos XXX
Placering, Journalister och media / Xornalistas e medios XX
Placering, Resor / Viaxes X
Placering, Språk / Idioma X

28 June, 2006

Suecia xa le en galego


Que o sueco é unha variante dialectal é indubidable. Levámolo demostrando dende hai meses. Con feitos, obras e poucas omisións. E hai unha proba irrefutable de que eso é así: cantos de vos leriades un blogg en sueco? Poucos. E por que? Pois porque o sueco é máis difícil de entender para un galego que viceversa. Non vos sei o motivo pero é así. Este blogg recibe visitas de suecos que intentan saber de que vai esta historia (o mapa que tedes abaixo á esquerda certifícao). Outra cousa é que lles quede claro. Pero eu estou convencido de que si. Explícome.
Onte inaugurouse unha nova bitácora de blogs e convidáronme que participara. Ten o soporte do Aftonbladet, un dos xornais máis importantes de Suecia. Total, que en menos de 24 horas observo abraiado que o "Facéndome o sueco" está entre os blogs máis visitados de Suecia nas categorías onde está incrito: xornalistas, viaxes e lingua. Podedes premer na imaxe e divisar o panorama. Para cando un blogg que se chame "Jag förvandlas till en galicier" (Facéndome o galego)? Ah, e se queredes que un bloggeiro da Galicia do sur estea aínda máis arriba entre os bloggs da Galicia do norte só tedes que premer no URL do meu link na páxina do portal e incluso votar aí mesmo onde pon "Tyck till om denna blogg du också!" ("Opina sobre este blogg ti tamén!"). Por unha Suecia máis galega!! (Paz e amor, meus reis e raiñas...)

Fórmula Cortaherba

Foto: Jenny Lundberg (Arbetarbladet)

Un dos principais motivos polos que a intelixencia galega, que algunha queda, decidiu expandirse ás vellas colonias do norte é pola seriedade das súas xentes. Das do norte, suponse. Agora, en troques, haberá que ir buscando medidas. Digo eu que non é serio montar unha carreira sobre máquinas de cortar a herba. Porque ir á herba, amigos, non é (non pode ser!) unha carallada. Fumala xa é outra cousa. Pero para cortala necesítase seriedade e adicación. E o que fixeron en Alborga, á saída de Gävle, o día do Midsommar é todo menos dilixente. Aquí tedes o video que o demostra.

27 June, 2006

A minimoto de Zlatan




Imaxes: Aftonbladet

Mentras media Suecia solicita o cesamento do seleccionador Lagerbäck (o que non entendo é que debe andar facendo a outra media), Zlatan Ibrahimovic adícase a pasear por Malmö subido nun parato destes, tipo chisme con rodas e motor. O caralludo do asunto é que o dianteiro vai sen casco. Vaia exemplo para a COMESPAN, eh, Zlatan?

26 June, 2006

Menos mal que nos queda Portugal

É os que lles queda aos habitantes do COMESPAN neste Mundial de Alemaña. Hai que buscar a conexión con Suecia para seguir interesados na pelota, unha vez que a selección provincial foi eliminada. E Luis Figo non pode ter mellor conexión. Refírome a que está casado cunha sueca, Helen Swedin, nacida pertiño de Gävle, algo máis ao norte, na cidade de Sollefteå. Os dous coñecéronse nun tablao flamenco en Barcelona, sentada ela á beira da nai do capitán portugués, que fora convidada á festa (parece coña, pero así é).
Helen comezou a súa carreira como modelo en 1990, cando o xornal local Nya Norrland a elexira Lucia do ano de toda a comarca de Ångermanland. Por aló, pódese ver á parella varias veces ao ano paseando coa familia. Figo e Helen falan en español entre eles. O pai diríxese aos dous fillos en portugués e a nai, en sueco. Unha idea fantástica. Desa mistura entre portugués, español e sueco, pronto, moi pronto, os pequechos poderán falar galego correctamente e non terán problemas de integración nas rexións do COMESPAN.

24 June, 2006

O caso é non levar un golpe

Imaxe: Kieran Doherty (Svenska Dagbladet)

A Provincia galega do Norte da Comunidade Escandinava Pangalaica (COM.ES.PAN.), coñecida polos territorios do sur como "Suecia", dixo adeus ao Mundial. Será o final dun ciclo, e Ljungberg e Ibrahimovic deberán deixar a súa pose de chicos guai (anque sexa amosando gayumbos) e adicarse a xogar ao fútbol. Os galegosuecos están abraiados do ridículo que fixo a selección amarela. Eu síntoo por Henke Larsson, dos poucos xogadores que logrou demostrar que o fútbol aínda non é unha mentira total. Aínda que por desgracia vai de camiño.

Este non é un mal lugar

Múnich, quero dicir...

Todos somos suecos


(Imaxes: As dúas primeiras de Aftonbladet e a última de Expressen)

Partidazo: Estamos en oitavos do Mundial. A Provincia galega do Norte da Comunidade Escandinava Pangalaica (COM.ES.PAN.) mídese aos amos da casa xermana.
Hora: 17 h.
Estadio: Allianz Arena de Múnich.

23 June, 2006

Borrasca

Espida? Vestida? (Imaxe: Slitz)

É como se a Santiago Pemán o apartan da pantalla por sair amosando peito na Interviú. Ou no El Jueves, certo. En fin, o caso é que esta boa moza, de nome Tone Bekkestad, foi apartada do programa meteorolóxico da TV4 por sair así vestida (ou desvestida) nunha revista. É dicir, que hai tipos e tipos de liberación. Se o que liberas é o refaixo, hale, chimpada. Onde comeza e acaba a liberdade de calquera a facer o que lle pete? Pregunto.

Midsommarafton


A provincia galega do norte celebra a chegada do verán. Suecia arrecende a flores e festa. Un dos días máis bonitos do ano.

22 June, 2006

Educación física

Os que están en bolas son os profes; os que miran, os alumnos (Imaxe: Expressen)


Este é o colexio onde se montou o show erótico-festivo-educativo (Foto: Expressen)

Quen non soñou algunha vez con ver á súa profe de Matemáticas en bolas, non polo seu atractivo físico senón coma escarnio tralo macrocarolo recibido na asignatura... No colexio Torpaskolan, perto de Goteburgo, fíxose a luz. Os profesores pecharon a festa de fin de curso poñéndose en pelotas no palco e interpretando a "danza do balón", consistente, claro, en mover o corpo serrano sen envoltorio eclipsando só o mondongo tras unha pelota reglamentaria (é dicir, coas medidas exactas para tapar a cuestión).

Propóñovos un exercicio: Que profesora/profesor poñeriades en bolas sobre o palco do instituto, colexio ou facultade e por que? Liberade esa represión que vos afoga dende a infancia!

21 June, 2006

Alce borroka

Celebración en Estocolmo (Imaxe: DN)


Mundial´06:
Provincia galega do COMESPAN, 2
Xibraltar Norte, 2

E agora... Alemaña!

20 June, 2006

Provincia galega COMESPAN vs Xibraltar Norte


Aftonbladet: "El (Christian "Chippen" Wilhelmsson) é a sorpresa"



Expressen revélao: "Sentímolo Svennis! Esta é a táctica segreda que machacará a Inglaterra esta noite"


Partidazo: A Provincia galega do Norte da Comunidade Escandinava Pangalaica (COM.ES.PAN.) mídese aos territorios norteños de Xibraltar para seguir xogando no Mundial.
Hora: 21 h.
Estadio: Rhein Energie de Colonia.

Aúpa, Suecia!! Nunca camiñaredes sós... Sempre haberá un alce que se achegue.

19 June, 2006

Organización sueca


Hoxe recibín un correo dunha lectora que me pregunta onde anda unha imaxe que colocara hai meses sobre unha vila con nome de IRPF. Velaí tes, compañeira. Na provincia galega do norte, quen non pode é porque non quere. A organización escondenaba levada ao sumo (a esto se lle chama planificación familiar) con lugares específicos para o recreo.

18 June, 2006

Convivir cunha foca

Aínda a risco de que o titular deste post entre no campo dos chistes fáciles, o certo é que nas provincias galegas do norte todo é posible. Nas do sur a cousa repártese entre acoller a un hamster, un gato, un canciño ou un xílgaro. Pero aquí, amigos, todo é distinto.
Preséntovos á foquiña Juni ("xuño", en sueco; matáronse co nome...), que dende hai un tempo (certo, dende xuño) convive coa familia Askelund nunha das illas do arquipélago de Estocolmo. Seica atoparon ao becho nunha praia da illa de Öland e, mirade para a súa cariña, decidiron transportalo nun avión e adoptalo:
Xornalista: -Pódese voar cunha foca dentro do país?
Señora Askelund: -Si, se se lle fala con cariño.
(Diálogo verídico que podedes escoitar neste video da TV4).



Toda a familia Askelund con Juni (aínda se facía un bó caldo, ou?) Imaxe TV4

16 June, 2006

Polos pelos de Ljungberg

"Por fin!", di o Expressen


"Grazas Freddie!", titula o Aftonbladet

Andaba a provincia galega do Norte co cu prieto cando de súpeto asomou Ljungberg. Mellor dito, o balón asomouse á cabeza de Ljungberg. A afección loira pasou de anunciar un 6-0 ante Trindade e Tobago a rezarlle a Odín para que o árbitro pitase un penalti inxusto. Ben, esto non, que é pecado, pero había medo, moito mediño. Larsson, Ibrahimovic e Ljungberg son as esperanzas suecas, así que xa me diredes, porque o resto do equipo só valerían para acompañar a Arizmendi (pero son eu o único do planeta que cre que este rapaz non vale nin para xogar en Segunda?). O caso, que me disipo. A selección paraguaia abdicou do gol durante toda a segunda parte mentras que a insistencia sueca, anque mínima, serveulle para seguir sorrindo. Agora vai o Toro Acuña e envíalle flores á xornalista sueca á que lle entrou. Perdón, acosou e denigrou (palabras suecas estas que abrevian outras do tipo Chorbitaquieresrollo).


12 June, 2006

Non cabe unha faragulla


Imaxes: Gefle Dagblad

"Gunilla Larsson se fue buscando el sol en playa, tarata tarata tarata, con su maleta de piel (de alce) y su bikini de rayas (xentileza de Ikea), tarata tarata tarata..."

Xa está aquí o verán.... Esto é impresionante. E para aparcar? Buah, coches e coches e coches. Paga a pena ir a patas...
O que??? Vaaaaaaale, oh, as fotos demostran que só había seis persoas na praia de Hedesunda. Pero así empezou Marbella e agora non se para. Non é Ipanema, pero, en fin, hai area, auga (sen ondas, of course) que non che cubre nin os nocellos e ata xeados (que tes que traer da casa). Total, que os Beach Boys estarían no Inem...

(Correcto, amigos besbellos, non son seis persoas as que hai nas fotos; son tres que se repiten... Tamén estades a todas, cajo na... Traballai, carallo!)

11 June, 2006

Trini e os suecos

Foto: Expressen

Por suposto refírome a Trindade e Tobago, que onte deixou abraiada a toda Suecia, logo do ridículo da selección amarela. Vale, vale, falarei de fútbol logo das innumerables "piticiós" recibidas.
A cousa resúmese así: algúns xogadores suecos pronosticaron hai uns días un 6-0, Ljunberg dixo onte que mereceran gañar 4-0 e o resultado final foi 0-0 ante un rival de segunda ringleira que xogaba cun tipo menos. Agora agarda Paraguay e logo Inglaterra... adestrada por un sueco, "Svennis" Eriksson.
Mentras, varios xornais adícanse a fotografar a suecos que circulan polos puticlús alemáns. En Suecia a lei penaliza (incluso con cárcere) a aqueles que pagan servicios sexuais, mentras que en Alemaña a prostitución está legalizada. Total, que velaí a dobre moral barateira de dar clases de ética a medio mundo. E logo viaxar a ese medio mundo para facer xusto o contrario. O que ten delicto é que por riba saias nunha foto do xornal. En fin...

Quen dixo frío?


Esto de que ás 4 da mañá haxa un sol espléndido leva a que á 1 da tarde andemos nestas temperaturas. E pensar que hai 60 graos de diferencia co mes de marzo...

10 June, 2006

Máis blogorechos!!!

María Xosé Rodríguez, directora de Máis berberechos

Veño de atopar no blog dos compis de Microsiervos a tertulia que nos botamos hai unha semana no programa da Radio Galega Máis berberechos, que conduce María Xosé Rodríguez. Aí nos arrexuntamos varios administradores do reino blogueiro: María Yáñez, directora de Vieiros (e unha das culpables de que eu descubrira o imperio do trebello) e Javier Pedreira, administrador de éxito exitoso da famosa páxina Microsiervos.com. Dous blogueiros de cátedra e doutorado e un humilde aprendiz (aquí mi cuerpo!) compartiron noite sideral. Este foi o resultado.

Andreas: "Festa, festa, festa!!"

Imaxe: Arbetarbladet

Na estratexia colonizadora é imprescindible manter no rego aos pequenos besbellos. Son eles os que, aceptando a imparable adhesión á Comunidade Escandinava Pangalaica (COM.ES.PAN.), manterán con fervor a condición de galegos do norte. "Festa, festa, festa", di Andreas con (podería ser) acento de Carral cando lle preguntan que fará esta noite para celebrar que rematou o Bacharelato. Unha "festa" sen políticos papadores de polbo e sen foguetes de tres pesetas, pero "festa" ao fin e ao cabo. As variantes dialectais do sueco quedan claras. Pídovos que lle botedes unha ollada a este video. É curto. Pola metade aparece Andreas. Que tipo de galego articula? Sóavos? Da Mariña luguesa? Das Terras do Deza? Sería apto para dobrar a Doraemon?

09 June, 2006

Fin de clases!!


Imaxes: Arbetarbladet

Estes días, os estudiantes suecos que rematan o Gymnasiet (o Bacharelato meu, ou o ESO que é eso, algo deso, actual) saen ás rúas coas súas mössa (esa gorra branca), mázanse coma polbos (sen unha estrellagalicia, non é festa nin é nada) e buscan cacho (a hormona está a cen). Estas que vedes son imaxes da Vasaskolan de Gävle, unha das escolas máis prestixiosas do país. Gústavos o morbo, eh? Vale, aquí tedes un video do festurri.

08 June, 2006

Zlatansång



Chámase Frans Jeppsson-Wall, ten sete anos e é o vocalista da banda "Elías". O seu éxito músical é unha canción que arrasa adicada ao dianteiro sueco Zlatan Ibrahimovic: "Who´s da man?". Aí tedes a versión en inglés (aínda que en sueco, mola máis).

07 June, 2006

Knock, knock, knockin' on Sweden's door


Petando na porta do ceo decidiu pillar os trastos e botarse á rúa. Foi nun cruce de camiños onde "Blind" Willie vendeu a súa alma ao diaño, que lle permitiu coller un micro e contar cousas ao mundo. E dende aquelas, coma unha pedra rolante tirada polo furacán, enche as orellas daqueles que circulan ante The Highlights.

06 June, 2006

A Besta paseou por Suecia


Estaba cantado. O 6 do 6 do 06 era un aviso. Estocolmo converteuse nunha batalla entre a policía e grupos antifascistas que pretendían deter unha auténtica marcha militar de varias organizacións de ultradereita. Cousas das razas. De bos e de malos. De suecos, máis suecos e suequísimos. Curiosamente non atopei ningunha foto deste noxento paseo marcial polas fermosísimas (e hoxe tamén calurosas) rúas de Estocolmo. E aí tedes a imaxe, fronte o auditorio onde se entregan os nobel. Deixovos un video estupendo da SVT, a tele pública sueca. Está en idioma vernáculo, pero paga a pena. Non vos perdades a marcha e as airadas respostas á reporteira de tipos-que-se-cren-máis-guapos. Marcho para a cama co estómago revolto.

Que DEMOcracia!


«Aquí está a sabedoría. Quen teña intelixencia calcule o número da Besta, porque é número de home. O seu número é 666». Apocalipse 13, 18.

6 de xuño de 2006. Día Nacional de Suecia.

Fixádevos na bandeira: é unha cruz invertida amarela. O amarelo significa o reino dos ceos. E tamén perigo. (Riome eu de Dan Brown)

04 June, 2006

"Hällristning" in the rain

Imaxe: Xornal Bohuslaningen

"Hällristning". Así ches chaman no Norte de Norte aos petroglifos. Este que vedes na imaxe é sensacional e foi descuberto hai uns días por
Andreas Toreld cando intentaba resgardase da choiva baixo unha árbore. O achádego tivo lugar no término de Lysekil, no cono sur sueco, na beira occidental. O fantástico da historia é que (ademáis de que Andreas logrou chegar seco a casa) a pedra está en fantásticas condicións e está sendo avaliada polos investigadores. Representa dous barcos e uns vinte discos solares, que o fai única no norte de Europa. Na provincia de Bohuslän, onde está este "hällristning", contabilízanse máis de 4000 pezas deste tipo. Velaí vos vai unha páxina estupenda (ven tamén en inglés) por se tedes intención de visitar Suecia, a quinta provincia galega, e vos interesan estes croios tanto coma min.

01 June, 2006

Fai un sol de carallo


Non pode ser unha coincidencia que mentras nas provincias galegas do norte os paxaros comezan a piada a eso das 3 e pico da mañanciña, nas do sur celébrense os 20 anos de calor tórrido musical. Imos cara o día total, a grande tolemia, cando a xente sae das discotecas con sol abafante e xa ningún gato é pardo. En Gävle, nos meses de xullo e agosto temos unhas catro horas de noite (por dicir algo, porque nunca se chega á escuridade absoluta), pero no norte, na Laponia, no corazón do Círculo Polar nin eso...




... como o demostra esta foto, tomada en Narvik (Noruega) ás 12 da noite dun día (ou noite ou o que sexa) de xuño do ano pasado. Aquela foi a viaxe máis incrible que fixen na miña vida. Foi unha marabilla (tedes información na sección "As viaxes en imaxes", na parte esquerda, premendo nas opcións "O Norte"). En fin, déixovos que teño que extenderme a crema bronceadora...