29 April, 2006

Domingo de lumeiradas


Suecia celebra a noite de Valborg (na imaxe, hai uns anos, en Estocolmo), que así lle chaman os galegos do norte ao San Xoán oficialista das catro provincias sureñas adiantado ao mes de abril. É unha festa rachada con cacharelas e lumeiradas e que celebra a chegada do bó tempo e rememora a fin do ano administrativo medieval. Nesa época os artesáns e mercaderes montaban un festorro de irmandade. Nesta, os estudiantes xa albiscan o remate das clases. Pois haberá que arrimarlle un tóspiro logo!

28 April, 2006

Arriba las manos!


Eu de economía entendo pouco. En fin, non entendo un raio. Pero lin que andamos polas catro provincias galegas do sur abraiados pola suba do aceite de oliva. E agora, eu pregunto: Como é posible que valla prácticamente o mesmo unha botella de aceite nun supermercado galego que nun sueco, cando, que eu saiba, a oliveira más cercana a Estocolmo está a 3500 quilómetros?

Aceite Carbonell, 1 litro
Suecia.....5,24 euros
Galicia.....5,09 "


E xa que estamos, por que cando baixa o barril de petróleo baixan tamén os prezos das gasolinas en Suecia mentras que na Coruña (con refinería incluida) o único que baixa é Munitis?

26 April, 2006

Acticoña?

Imaxe A
Imaxe B
A civilización occidental derrúese con estas pequenas cousas. Seica non somos todos europeos? Por que daquela Suecia consume L. Casei Defensis (Imaxe A) e Galicia L. Casei Imunitass (B)? Uns deféndense mentras outros se inmunizan? De que vamos, ein? Danone venimos?

24 April, 2006

Extra, extra

Verídico. Xornal Gefle Dagblad de hoxe. Páxina 23. Sección de "Cartas ao director".

"Fun eu quen atropellou ao gato"

Ando tristísima porque atropellei ao teu/voso negro gato na tarde do 18/4 á saída da estrada Porfyr en Sätra. Non puiden parar e morreu no acto. Xa que non levaba ningún número de teléfono no seu colar guindeino ao bosque.
Therese


Imos ver, Theresiña, Theresiña. Aínda a forza de intentar comprender a túa dor pola perda do minino no canto de mirar os baixos do coche e cajartenanaiquepariuaodonodoputogato, sorpréndeme que creas que un animaliño é coma unha axenda onde se apuntan teléfonos ou enderezos. Sorpréndeme pero, en fin, ata xa case o vou entendendo... Pero o que xa non ten perdón é, Theresiña, mandar ao carallo ao gato, e chimpalo ao monte, coma se o becho de marras non tivese dereito a recibir eterna sepultura.

21 April, 2006

Enquisa "Cal destas palabras NON é sueca?"

Solución:
Efectivamente, todas as palabras son suecas. Estes son os infinitivos dos verbos e os seus significados reais:

Sova: Significa durmir.
Pimpla: Darlle ao drinking.
Ligga: Deitarse con alguén.

Aínda credes que estou de coña cando digo que o sueco é unha variante dialectal do galego?

19 April, 2006

O primeiro gorila nacido en Suecia en cautividade

"Enzo é o primeiro gorila que nace en Suecia", asegura hoxe un xornal sueco, cousa que me estrana, dada a cantidade de gorilas que nacen en Noruega. O becho este, que por máis que o miro non só non me emociona senón que me entran gañas de darlle de couces (síntoo, pero é así) naceu hai 19 días e estivo a piques de guiñala. Vaia día ese, amigos: o gorila case palma, eu perdín o autobús... uff, tremendo. O caso é que o "primeiro gorila nacido en Suecia en cautividade", como dixo un medio (eu no xardín, sen ir máis lonxe, teño un que come pexegos) xa está ben de saúde. Vamos, o ben que pode andar un gorila en Suecia, que non sei eu. Se sodes uns amantes dos animais e queredes deixar de selo, premede aquí.

11 April, 2006

Muros, na radio nacional sueca

"Kiko!!! Falan de Galicia na radio!!!"
Marta tiña razón. Esa muiñeira de Chantada é absolutamente inconfundible esteas onde esteas. Doulle voz. Meto unha cinta tan rápido como podo e poño o chintófano a gravar. É na SR, a radio pública e nacional sueca, ás 2 da tarde. Escoitade, por favor. E flipade.



Marisol pilla cacho en Muros

08 April, 2006

Perfección sueca


Acabo de chegar de Estocolmo. Sempre en tren. Se o fas en coche arríscaste a que Xiana che presente netos ao regreso. Total, que aí cheguei eu, feliz e contento, coma un inmigrante de Culleredo calquera a sentar no tren. Así fixen.
"Seguinte parada, Arlanda". O tren, petao, que se di en Monte Alto. Eu ocupaba a cadeira 25, ao lado do corredor. "Seguinte parada, Uppsala". Aquí baixou unha morea de xente. De feito quedei sen compañeiro (cadeira 26) e decidín ocupar o seu lugar, ao lado da fiestra e contemplar o desxeo dos campos.
Pero, claro, á mesma que baixaron moitos, subiron moitos. Eu seguía alí sentado, na cadeira 26. Chegou unha rapaza. Miroume (lóxico, un macho galego é sempre un placer á vista) e sentou na 30. E apareceu unha señora que sentou canda min, na 25. E tamén outra, que lle dixo á moza: "perdoe, pero esa praza é a miña". A rapaza botouse arriba e achegóuseme: "Síntoo, pero estás no meu sitio" (aí entendín o da mirada anterior...). "E vostede está no meu", solteille á tipa que me acompañaba. Por suposto, todo esto, co tren en marcha.
En resumo. Que despois de "Como están ustedes!!!" e os pallasos da tele, non volvera xogar á choia esta das cadeiras. Eu aquí, ti alá, vostede levante esa perna que me boto eu. Eso chámaselle organización. E como rompas a cadea, chungo para todos. Catro persoas, catro prazas e todos xirando coma Xil Ríos.
Nota: a foto non se corresponde co tren en cuestión (era o que me faltaba, aínda retratar o tema...)

07 April, 2006

Americanismo

Pódese traducir "De la Concha" en Arxentina como "Del coño", "Del potorro", "De la perrecha" ou só como "tontolculo"? Pregunto.

06 April, 2006

01:02:03:04:05:06

Por se non vos decatastes, a unha e dous minutos con tres segundos do cinco de abril do 2006 xa pasou. Vale, vale, eso se vivimos no mundo xermano-anglo-saxón, ou sexa que se vos dades presa e mercades un reloxo atómico coa hora cristiana, o catro de maio poderedes disfrutar de tal marabilla (se o facedes, é que estades de urxencia).

05 April, 2006

Agudeza visual


Boas coñas nos trouxemos aí atrás co raio este do Julmust, o mosto de Nadal (histórico o vocablo "Kalimotxomust" creado por Artipractor). Pois ben, agora estamos en datas de Pascua e, tacháaaaaaaaaaan, a que non sabedes que é o que se toma??? Pois, claro, aprendices de suecos: o Påskmust, o mosto de Pascua. Os ingredientes? Os mesmiños, aquí os tedes en sueco (sinceramente, traducir conservantes e acidulantes parecíame un coñazo):

Julmust-Påskmust
Kolsyrat vatten, socker, humle- och maltaromämnen, färg- och smakämne (sockerkulör), citronsyra, samt konserveringsmedel (E 211).

Versión Light. (Quitámoslle o socker, metémoslle aspartam e vía)
Kolsyrat vatten, humle- och maltaromämnen, färg- och smakämne (sockerkulör), citronsyra, sötningsmedel (aspartam) samt konserveringsmedel (E 211).

E xa temos Jul- ou Påskmust. Só lle cambiamos a etiqueta, e arreando! (Oh, como amo este país!)

04 April, 2006

Operación Vaitexeo


(Imaxes: GD)

Desde terras danesas de Anxo Lamela, chegou esta bestialidade de barco que ten como misión desfacer o xeo da badía de Gävle. Contan as crónicas que este foi o peor inverno de xeo en 20 anos nos arredores do porto.

03 April, 2006

A voltas coa declaración

Vin no Telediario da TVE (logo dunha noticia sobre baleas en Costa Rica) que hoxe comeza a campaña para declarar a Renda. Tamén na colonia galega sueca inauguran hoxe a historia.

-
IRPF español:
a) Imposible facer desde outro país.
b) Hai que pedir un borrador que non o entende nin quen o inventou.
c) Hai que chamar por teléfono (no mellor dos casos) e falar cun/ha fulano/a para contarlle a vida.

-
Skatteverket sueco:
a) Falo dende onde che pete.
b) Por internet (está chupao), sms, contestador telefónico ou carta.
c) No borrador ven absolutamente todo (taxas de sindicatos nos que estás metido, xuros desgravantes, bancarios... ata un imposto por enterramento, toquemosmadeira).
d) Ven a toda cór, ben especificadiño, cun impreso que fala aos usuarios como somos, putos ignorantes da pesadez anual da renda.

Por eso, vou eu e pregunto aos señores/as ierrepeefes/as: COMO CARALLO É POSIBLE QUE ENTENDA MELLOR A DECLARACIÓN EN SUECO QUE EN CRISTIANO??!!!!! A ver se agora vai alguén e mo explica porque ou:

a) Fano adrede para que metamos a pata e logo nos denuncien.

b) Fano adrede para que metamos a pata e logo nos denuncien, nos guinden no trullo, non poida ver endexamáis á miña filla e Tristán volva ser titular. Tanta desgracia xunta non pode vir…

Chegou a primavera?

(Imaxe: Zandra Alenklev)

Anda a colonia galega de Suecia toda doente por ver se, por fin, chega a primavera: "Parece que xa está aquí" (nubes no ceo), "Está na porta, si" (caen folerpas), "Xa suben as temperaturas" (2 baixo cero). Mágoa que sexa galego fetén e non entenda moito de neves, pero, carallo, mirade para a foto e dicídeme se atopades en Gävle algo mínimamente relacionado coa estación das flores!!!! De momento, aí andamos, buscando choias, pequenos retrincos, que nos indiquen que xa estamos na primavera (que, por certo, por min que lle dean, que vos son alérxico ao polen).


01 April, 2006

Irureta, a Suecia!!!

Xa o podo dicir. O día 1 de abril chega cheo de cousas. Pero a máis flipante é esta noticia que saiu publicada no Dagens Nyheter: “Irureta chega ao DIF”. Vamos, que o ex técnico do Depor colle as maletas e vense cara Suecia para dirixir ao Djurgården de Estocolmo. Será por facerme compaña, non sei. Esto é o que di o recorte: “O técnico español Javier Iureta asinará por unha temporada polo Djurgården, a unha semana para que comece a Allsvenskan (como a Primeira española). Irureta adestrou ao Deportivo da Coruña e Athletic de Bilbao e, aínda que a prensa española falaba de que ficharía polo Madrid, decidiu aceptar a interesante oferta do DIF”.