En abril...
...neves mil?
(Neva e neva e neva...)
Suecia, a prolongación de Galicia. O sueco, unha variante dialectal do galego. Este é o blogg do proceso colonizador da quinta provincia galega.
Polas maneiras parecería Kournikova, pero non. Esta é Astrid Jornefelt, de 76 anos, que asegura que en ningún momento quixo desprenderse da tixola, que só a deixou a unha beira dun contedor porque non quería entrar no supermercado con ela. Pero a xustixa di que nin de coñas, que esta muller é unha criminal do velloambiente (non hai máis que mirar para ela), e anda a abandonar tixolas de teflón e que señoras tan perigosas non se poden deixar soltas, que o día menos pensado envelenan ás pombiñas do parque ou se converten nunhas sogras despiadadas. Non sei se a meterán no trullo, pero, digo eu, que reinsertala (agora que está tan de moda a cousa) estaría ben. Por exemplo, un par de saques no Open de Australia, tixola en man.

Velaí tedes a "Kungen" ("O Rei"), un dos favoritos para proclamarse "Coello máis bonito de Suecia 2006" hoxe en Sandviken. Podedes botarlle unha ollada aos seus principais opoñentes.
Este home (imaxe publicada no Aftonbladet) xa está tranquilo. O Comité Olímpico Sueco levantoulle a denuncia por terlle chamado "OS-pizza" ("pizza dos Xogos Olímpicos") a unha das súas produccións. E pedíalle uns 6000 euros que logo rebaixou a 600. Vése que o Comité de marras debe andar algo aburrido. Lóxico, se as Olimpíadas fosen cada seis meses...

Xa sabedes que en canto sucede unha desgracia todo can e gato "pasaba por alí".

Non vexo eu ningún xornal galego cun paxaro na portada. Políticos si, pero paxaros, poucos, que va... Pero no xornal local de Gävle poden sair rás, cogumelos, parrulos, gatos, árbores, raposos, renos e tamén políticos. Por exemplo, hoxe case caio do pasmo cando collo o xornal do chan e me atopo ese becho despatarrado, en plan ionqui, mirando cara min. Por suposto, alá foi o almorzo ao carallo... Titular: "Paciente reacio a recibir protección contra a gripe". A dos polos, vamos. Tempo libre é o que lle sobra a esta xentiña.
Hoxe erguínme cedo. Xianiña cumpre un mes e meditei a posibilidade de facer unhas chamadas de teléfono para compartir o momento...
...pero logo, díxenme, case mellor vou estirar algo as pernas e biciclear un chisco pola parroquia... (por certo, aló ao fondo á dereita "vedes" a Marta empurrando de Xiana Linnéa)
...antes de decatarme de que o ceo locía claro e era mellor sentarme e contemplalo dende un banco da rúa central...
... e ver que... Carámbanos!!!! Que lle medre ao romanticismo e aos paseos dominicais. Eu vólvocheme para casa que corre Alonso!
Imaxe: Aftonbladet
Correctamente. Xa sei que o metro da foto non serve para nada porque non se ven os números. Pero non me diredes que as letras de Ikea non lle dan un aire sueco fetén? Pois iso...

Esta é a mellor imaxe do 2005 en Suecia, obra do fotógrafo Jocke Berglund, do xornal Expressen. Representa marabillosamente o paso do ciclón Gudrun pola rexión de Småländ, que tumbou milleiros de árbores e deixou esta sorprendente imaxe dende o ceo. Tedes máis fotos dos participantes da pasada edición aquí.