facéndome o sueco
Suecia, a prolongación de Galicia. O sueco, unha variante dialectal do galego. Este é o blogg do proceso colonizador da quinta provincia galega.
29 December, 2005
28 December, 2005
Pesca de debuxos animados

A verdade, sempre pensei que eso de facer buratos no río xeado para pescar era cousa dos debuxos de Disney. Pois resulta que en Suecia teñen como deporte invernal o de taladrar o xeo para pillar peixe. Os "abborre", unha especie de perca, é o material máis desexado. O río Gavleån, que pasa por medio da cidade, tiña un grosor de 20 centímetros de xeo o día de Nadal, ao que corresponden as imaxes que vedes, publicadas hoxe no diario local.
26 December, 2005
O noso primeiro "snögubbe"

Aí tedes o noso primeiro boneco de neve (o boneco de neve é o da esquerda). Non está mal, ou? Os ollos e os botóns son figos secos, a boca uvas pasas e o nariz unha cenoura. A que está para comelo?
Vivimos o segundo día sen parar de nevar. A Dirección de Tráfico xa avisa de que a cousa preséntase en plan caótica: depende de como sexan as próximas horas. Por nós que non pare!!!!! (premede nos videos de abaixo para ver a situación)
25 December, 2005
24 December, 2005
23 December, 2005
Noiteboa, Suecia, 15:00 h
Si, amigos, Suecia prepárase para ser paralizada durante a hora que dura a emisión deste apaixoante espacio televisivo chamado "Donald e os seus amigos desexan Bó Nadal". O Kalle Anka (o Parrulo Donald) visitará novamente, coma dende 1960, aos seus incriblemente fieis espectadores da SVT, a tele pública sueca. Pois si, acertastes, tódolos putos anos a mesma peli do Kalle Anka, á mesma hora e o mesmo día. E non, amigos, non cansan. Aínda que nós nos queixabamos de que estes de Martes y Trece xa caían pesaos a pesar de variar as coñas, os suecos disfrutan co flaxelo, e mentras as nais fan a cea (machistas-leninistas...) e os pais van ao Clas Ohlson, coñecida como "a gardería dos vellos" a comprar catro puntas, os nenos tragan este peliculón do Kalle Anka. E todo esto, dentro do superespecial de Noiteboa que prepara a SVT, presentado por unha típica sueca, alta, loira e de ollos azuis (botádelle un ollo). Xa vos contarei!!!!
20 December, 2005
Imaxes de Gävle
E velaí vos van uns videos do que estamos a vivir estes días (premédelle unha vez e listo):
18 December, 2005
17 December, 2005
SUPERNEVARADA
Son as 17:17 h do domingo 17 (incrible, xuro que non é broma!). Se vos dá tempo, premede sobre a cabra, á dereita do bloggo, e veredes a espectacular nevarada que está a caer!!
16 December, 2005
13 December, 2005
Día de Lucia
Hoxe celébrase en toda Suecia o "Día de Lucía", outro dos curiosos festorros que montan no país. Aínda que é unha tradición latina, de orixe italiana, os suecos téñena como súa, coma de toda a vida, pero ninguén sabe moi ben porqué algo tan extranórdico festéxase de xeito tan importante. En fin, a cholla consiste en pasear a unha rapaza (a Lucía) elexida por aclamación popular, vestida de branco e cunhas velas na testa. Si, si, velas con lume e todo. A da imaxe á Anna Yng, a Lucia de Gävle, que hoxe ten unha axenda apretada con concertos e actos litúrxicos. Durante os últimos meses, a parroquia puido elexir entre as candidatas que figuraban no xornal local. Se queredes coñecer algo máis de Anna Yng, premede sobre o seu nome e aínda podedes botar uns risos. E polo mesmo precio, botade unha ollada á presentación das churriñas, e mesmo ao ensaio do coro.Nota do bloggueiro: Abstéñanse de entrar nos links mencionados todos aqueles pornófilos desexosos de freba sueca... Non por nada, pero é que van levar unha decepción...
08 December, 2005
Facer o idiota é grave

Esta imaxe está a ser estudiada polo Departamento Xeofísico da Universidade de Luleå. Fixádevos ben (ampliade premendo sobre a foto). Foi tomada en setembro, nun xardín en Uppsala, pero recibina onte e, ante a interese do descobremento, paga a pena botarlle una ollada analizadora. No medio, o que escrebe. Á dereita a muller de que escrebe. Á esquerda, unha amiga do que escrebe e da dona do que escrebe. A foto foi tomada por unha amiga dos tres. En fin. Esta imaxe confirma unha hipótese de dúas:
a) Ou que o que escrebe, a forza de facer o imbécil, medrou 40 centímetros. Algo que xa podo confirmar que non se fundamenta (si o de facer o imbécil, non o do medre).
b) Que se das un chimpo tras un seto triangular sendo a fotógrafa rápida, pódese tomar unha imaxe que rompe todos os esquemas coñecidos sobre as leis gravitatorias e deixa en evidencia as artes do autor de tamaño acto de elevación. A columna vertebral ou peineta xira 20 graos e posibilita a miragre.
(Non o intentedes, este exercicio pode resultar perigoso para os cativos, olliño)
06 December, 2005
Suecos cara a rúa
Mentras montan a nova cabra en Gävle aproveito para informarvos sobre a situación actual do proceso colonizador de Suecia. Velaí vedes unha das nosas fiestras, que dá cara a rúa, na que presentamos todo tipo de paratos necesarios para manter o anonimato colonizante e pasar por auténticos loiros. Unha das cousas importantes é amosar unha profunda tristura pola queima da manida cabra. Vale, eso está feito. Outro dos temas é o de engalanar a casa de caralladas nadaleiras para que se vexa o espírito supernavideño que albergan os nosos corpos.Na imaxe tedes (de dereita a esquerda):
1) Un xermolo de crisantemos. Debería estar medrado xa, pero se ve que anda tímido. Ou eso ou que me pasei co rego...
2)O "julmust" ou "mosto de Nadal". É como a Cocacola en sueco. Sabe algo raro pero trágase. Un tanto sospeitoso é que na Pascua emerxe o "Påskmust". O mesmo acontece coa cervexa (öl): agora temos "julöl" e na Pascua a "påsköl". Os sabores? Os mesmiños, amigos.
Lembro aos meus alumnos pequechos cando no inverno pasado me preguntaron: "e vós que bebedes en Nadal". "He, he, ides flipar", pensei eu, e contesteilles: "pois temos uns viños brancos de Albariño e uns tintos de Amandi espectaculares. E logo, nos postres, licores e cava catalán (dos que boicotean uns radikais)". Tras inchar o peito, comezaron a rir: "Pero non tedes julmust? Ha, ha, ha. Oíde, non beben julmust". E aí o deixamos. O feito, amigos, de non saber dicir en sueco todavía "ide-rañar-o-carallo-polo-monte-abaixo" fíxome recuar.
3) Un termómetro, por suposto. Está agochado tras o julmust. Imprescindible nas casa. Este que vedes chegou a marcar os -23 graos o ano pasado.
4) O "ljusstake", candelabro de sete velas (en ángulo, para diferenciar do xudeo), que enche as fiestras de toda Suecia e dálle algo de luz á escuridade xeral do inverno (en Gävle, ás 3 e media xa é noite pechada, pero no norte, en Kiruna por exemplo, viven tres meses sen luz absoluta).
5) Un cactus escangallado e un ficus desfeito. Non son necesarios para o Nadal, pero fan bonito.
05 December, 2005
Cabreados
E moito! Xa vos contei que ás colonias do norte séntalles moi mal que lle queimen cabras que acaban de montar. Digo eu que se xa saben o que vai acontecer, carallo, que fagan unha festa e a queimamos entre todos.
As últimas novas apuntan a dous tipos vestidos de Papá Noel que lanzaron frechas con lume. E pregúntome eu mesmamente e non me respondo: a ninguén lle estrañou, aínda que fose só un chisco, ver dous fulanos ás 9 da noite con barba de coña e vestidos de vermello levantando un arco con dardos de punta en lume?
Parece ser que se citaron por internet. A policía segue investigando. Esto faino o tempo libre. Non hai moitos roubos e tal e hai que xustificar o carto. Un día, paseando por un barrio de Gävle, dixéronnos que iamos por un lugar moi perigoso: "Hai quince anos violaron a unha rapaza". Quince anos, dixo... En Penamoa pasa igual: "Hai un día que violaron a quince rapazas", direilles eu se me fan unha visita a terra imperial.
O caso é que nuns días volverán montar a cabra. Seguiremos infomando.
03 December, 2005
Cabra, pouco duraches, miña...
Sábado, 3 de decembro. 21.25 horas (imaxe: DN). A cabra de Gävle, un ano máis, foi tomar polo cú, valla a redundancia. Esta vez só durou unha semana, o que pode considerarse un récord. Conteivos hai unhas semanas que cada ano o Concello instala unha cabra de palla no centro da cidade para festexar o inicio do Advento. E dicíavos tamén que esta iniciativa agacha una escura tradición: a de ser queimada por algún espontáneo que logra saltar o valado e fuxir da mirada do garda, que "vive" nun garito en fronte do becho. De feito, dende 1966, ano no que comezou a historia, só se salvou da queima seis veces. Pero non pensedes que esto, a pesar de tales datos, foi tomado con sentido do humor por parte dos cidadáns, non, non, vaise montar un McPolo de narices, sobre todo por parte dos vellos, que non entenden tamaño sacrilexio.
Velaí os bombeiros en pleno chollo. Disque dúas persoas foron as que prenderon á cabra de marras. Non me perdo mañá o que din os loiros sobre o tema (por certo, nós de momento pensamos pechar ben as portas, que estes montan unha noite de coitelos longos seguro. Os emigrantes de acento de Culleredo e defensores do proceso colonizador galego somos "obxectivo un").
****************ÚLTIMA HORA*********************
QUEIMARON A CABRA DE GÄVLE!!!!! (Máis información á dereita da páxina e no apuntamento publicado máis abaixo)
....NUNS MOMENTOS, MÁIS!
01 December, 2005
Mr Postman, no me joder

Ou algo así cantaban os Beatles. O caso é que aquí, os repartidores do xornal, igual que os señores carteiros, suben piso a piso para facer as entregas de xeito individual en cada porta. Velaí a nosa. O problema é que os tipos que veñen co Gefle Dagblad, o xornal local, fan un barullo de moito carallo a eso das 5 da mañá, subindo as escaleiras a toda máquina cunhas botas que deben ter ferro nas solas. E aquí estamos, Marta e eu, ata as pelotas de que nos metan uns sustos do demo no medio da noite, ás veces acompañado dese simpático repicar que anuncia tamén o diario médico, tipo tocho, e que chega abrazado ao xornal. En resumo: papelote ao canto. Xa estamos fartos. Os suecos adoitan poñer un "lap" que di "non queremos publicidade", así que desbotada a idea de colocar outro máis cachondo que diga "non queremos facturas" (uns amigos recomendáronnos que non o fixeramos porque os suecos perderon a ironía na baixada dun monte) colgamos estoutro que di, e que vedes na imaxe: "Por favor!!!! Non fagas barullo cando deixes o xornal! (os nenos durmen)". E logo non é verdade? Pois eso...






